Saturday 04 de May de 2024

A Xunta remata as obras de saneamento e abastecemento en distintos lugares da parroquia de Larín, en Arteixom cun investimento de 325.000 euros


― A intervención mellorou os sistemas dos servizos municipais entre os lugares de Mirón, A Chamusqueira, Capela de San Roque, O Campo da Pedra, A Fraga e O Anide

― Esta actuación súmase ás xa operativas e entregadas ao Concello nos núcleos Larín de Arriba, O Salto do Carro, A Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e O Coque, que supuxeron un investimento autonómico de máis de 332.000 euros

― A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan prestar de xeito eficaz estes servizos de competencia local

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de mellora do sistema de saneamento e abastecemento en distintos lugares da parroquia de Larín, no concello de Arteixo.
As intervencións levadas a cabo melloraron os sistemas dos servizos municipais entre os lugares de Mirón, A Chamusqueira, Capela de San Roque, O Campo da Pedra, A Fraga e O Anide.
Estas actuacións, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 335.000 euros, centráronse na rede de saneamento destes núcleos, executándose dous tramos de colectores e unha estación de bombeo de auga residual (EBAR) coa súa impulsión.

Para a implantación da rede de abastecemento nestes lugares construíronse 4 tramos de rede en tubaxe e substituíse un equipo de presión por un novo con maior potencia, contando tamén con dúas bombas cunha capacidade de 1,8 m3/ hora.

As actuacións enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre o Concello de Arteixo e Augas de Galicia para a mellora dos servizos nas parroquias de Larín e Monteagudo. A Xunta xa entregou á entidade local as actuacións hidráulicas xa executadas e operativas para a mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento nos núcleos de Larín de Arriba, O Salto do Carro, A Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e O Coque, que supuxeron un investimento de máis de 332.000€.

A Xunta vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan ofrecer de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.